VI EDICIÓN / 24 Novembro 2017

Premiados Edición 2017

premiado galardón arenteira

DEPORTES

Manuel Blanco Guerra (Manolo Celta)

AUTOMOBILISMO, BALONCESTO, FÚTBOL

Falar de Manolo Celta é falar de deporte no Carballiño. Promotor dende mozo de numerosas iniciativas de carácter cultural e deportivo, Manuel Blanco é lembrado por varias xeracións polos seus vínculos co mundo do automobilismo, tanto como piloto como tamén dende o punto de vista organizativo de probas coa súa implicación na escudería Carballiño.

No mundo do tenis foi, ademais de xogador, o promotor de diversos campionatos celebrados nesta vila. Tamén fixo algunha incursión no mundo do fútbol sala e, actualmente, é recoñecido participante nos diversos campionatos de golf que se celebran por toda a xeografía galega.

Pero, quizais, os seus maiores esforzos e logros veñen de man do baloncesto, sendo a alma mater dos anos dourados desta modalidade deportiva no Carballiño, levando ó club local a participar en categoría nacional. Toda unha vida dedicada ó deporte.

premiado galardón arenteira

CULTURA

Roberto Pascual Rodríguez

CRÍTICO E INVESTIGADOR TEATRAL

Licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Diplomado de Estudos Avanzados en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, cun traballo de investigación sobre o teatro galego. Xa no mundo do teatro, como actor participou na Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, onde traballou en cinco espectáculos dirixidos por Roberto Salgueiro.

Crítico e investigador teatral. Ten publicados diversos traballos nas revistas Tempos Novos, Grial, Revista Galega de Teatro, Primer Acto, Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos, Artez, Escaramuza, etc. Ten participado en varios monográficos e coordinado o libro Palabra e acción. A obra de Manuel Lourenzo no sistema teatral galego. Tris-Tram, 2006. Asemade, dentro deste mundo da divulgación, colaborou nos suplementos “Universitas” do xornal La Región, opinión de vieiros.com e “Protexta”. É membro dos consellos de redacción das revistas Madrygal e Revista Galega de Teatro.

Na actualidade é profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Foi profesor na Universidade Complutense de Madrid entre os anos 2005 e 2007. Tamén impartiu docencia no Espazo das Linguas Ibéricas e Prehispánicas do Instituto Cervantes de Madrid. Coordinador do Plan de Formación dos Profesionais das Artes Escénicas da AGADIC e do Campus de Verán das Artes Escénicas da ESAD de Galicia. É habitualmente convidado a impartir conferencias en varios países sobre diversas cuestións relacionadas coas artes escénicas.

premiado galardón arenteira

TÍTULO PÓSTUMO

Frai Damián Yáñez Neira

BIBLIOTECARIO DO MOSTEIRO DE OSEIRA

Morales del Rey, Zamora, 12/12/1916- San Cristovo de Cea, Ourense, 27 /05/2015.

Bibliotecario do mosteiro de Oseira durante máis de 50 anos e artífice da mesma, converténdoa nunha das mellores de Galicia. Chegara a este cenobio no ano 1966, sendo dende aquela un home comprometido coa vida comunitaria do mesmo e, tamén, o meirande expoñente cultural do mesmo. Foi o maior promotor dos estudos cistercienses en España, recoñecido humanista e, tamén, autor dunha gran cantidade de traballos en libros, revistas, tanto individuais como en colaboración. Durante a súa estadía no mosteiro de San Isidro de Dueñas, foi compañeiro de san Rafael Arnaiz, sendo un gran promotor e defensor da súa beatificación.

Tamén, impulsou os catro congresos celebrados en torno á espiritualidade e á historia cistercienses, como foron os congresos de Historia cisterciense de España e Portugal, tres con sede en Ourense e outro con sede na localidade portuguesa de Braga, en Portugal, sendo clausurados todos eles no mosteiro de Oseira, o seu referente espiritual e centro de investigación.