IX EDICIÓN / 11 Decembro 2020

Premiados Edición 2020

premiado galardón arenteira

DEPORTES

José Fernández Godoy

ÁRBITRO E ATLETA

Árbitro, atleta e industrial de profesión, hoxe xa xubilado, é un referente obrigado no mundo do deporte da Comarca do Carballiño. Como árbitro é recordado polo seu peculiar sistema pedagóxico que empregaba sobre os terreos de xogo e pola boa condición física que mantivo ata a fin da súa carreira arbitral. Foi árbitro das categorías rexionais e participou como xuíz de liña en diversos partidos incluso da Primeira División.

Como atleta era habitual atopalo en calquera camiño ou estrada destas terras seguindo o seu programa de adestramento e, tamén, competindo nas carreiras de calquera lugar de Galicia, sendo un dos pioneiros desta modalidade no Carballiño animando a moitos mozos a integrarse nesta disciplina.

premiado galardón arenteira

CULTURA E INVESTIGACIÓN

Xosé Prada

ACTOR E DRAMATURGO

Actor, dramaturgo, promotor cultural e director teatral, resulta unha figura clave no desenvolvemento do teatro e da cultura carballiñesa nos últimos 50 anos. Prada é un dos membros fundadores do Cine Clube Carballiño e doutras iniciativas culturais naqueles anos finais e dificultosos da ditadura. De formación xurídica e procurador de profesión, foi, tamén un deportista na elite galega do Tiro con pistola e colaborador durante anos do xornal La Región.

Pero o seu traballo sobranceiro que está levando a cabo á fronte do grupo Tiruleque –fundado por el-, levouno a ser un recoñecido home do mundo do teatro galego nas facetas de director, dramaturgo e actor, acadando unha merecida sona. Dirixe, tamén, o grupo de teatro do Centro Social do Carballiño.

premiado galardón arenteira

TÍTULO PÓSTUMO

Víctor Campio

POETA

Mestre, licenciado en Filoloxía Hispánica e escritor. Foi tamén membro da Real Academia Galega e membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Participou como colaborador en prensa e revistas nas que se destaca polo seu compromiso coa nosa lingua.

A súa faceta como escritor é moi apreciada, formando parte do importante núcleo de escritores ourensáns no que se integraban Tovar e Pura Vázquez, publicando ó longo da súa dilatada vida como tal numerosas obras nos eidos da poesía, o ensaio e a narrativa. Froito desa ampla traxectoria foi galardoado con diversos premios –entre eles o da Ínsua dos Poetas- e, tamén, nomeado Fillo predilecto de Maside, concello do seu nacemento. Faleceu no ano 2018.