IV EDICIÓN / 27 Novembro 2015

Premiados Edición 2015

premiado galardón arenteira

DEPORTES

Jose María Martínez Magdaleno

MESTRE E PILOTO DE AUTOMOBILISMO

Aínda que nacido en terras do Morrazo, leva unha boa parte da súa vida no Carballiño, onde é persoa moi aprezada. Conta cunha dilatada traxectoria deportiva dentro do mundo do automóbil na súa etapa de piloto tanto no Carballiño como fóra deste ámbito local. Neste sentido, mencionar as súas tempadas como piloto na modalidade de montaña no Campionato de España, onde acadou importantes logros ó longo de toda a xeografía española.

Home cunha vida deportiva impecable, deportista no máis amplo sentido da palabra, loitador incansable, ten ben gañada ó longo destes anos unha importante consideración social, o aprecio popular e respecto dos seus compañeiros e rivais. Foi director durante moitos anos do Colexio Vila do Arenteiro do Carballiño.

premiado galardón arenteira

CULTURA

Felipe Senén López Gómez

MUSEÓLOGO E ARQUEÓLOGO

Ten ás súas costas unha longa dedicación e sólida formación no eido das humanidades, unha ampla traxectoria profesional no mundo da museoloxía, da arqueoloxía e da antropoloxía, xunto coa súa aportación e implicación persoal no mundo da cultura carballiñesa e galega. Este compromiso coa nosa cultura queda reflectido nunha abondosa obra escrita recollida en numerosas monografías, artigos e outras publicacións especializadas de Galicia, Portugal, e outras partes da xeografía española e europea. Foi fundador da A.C. Avantar do Carballiño, da Alexandre Bóveda da Coruña e da revista de pedagoxía O Ensino. Durante moitos anos ocupouse da dirección do Museo Arqueolóxico da Coruña e, posteriormente, desenvolveu o se labor profesional como Técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña. Membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, numerario da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, na que ingresa no 1987 e, finalmente, numerario e secretario do Instituto Xosé Cornide de Estudos Coruñeses.

Colaborador habitual do libro do Programa de Festas do San Cibrao e, seguindo a tradición herdada do seu pai, é autor dos carteis da Festa do Pulpo do Carballiño.

premiado galardón arenteira

TÍTULO PÓSTUMO

Faustino José Pérez Sanmartin "Fusi"

DEPORTISTA

Deportista cunha vida curta pero intensa dedicada o mundo do fúbol base e o seu ensino, en particular, deixando unha como recordo unha pegada imborrable da súa pedagoxía deportiva nos moitos rapaces que foron alumnos del nas escolas municipais de fúbol e, tamén, naquelas outras persoas que tiveron relación humana e profesional con el. Home moi querido e valorado no Carballiño, veu a súa vida segada por un desgraciado accidente, deixando este mundo en plena mocedade pero quedando para sempre a lembranza dun home prudente e modesto pero grande, moi grande.