XIV EDICIÓN / 28 Novembro 2025

Premiados Edición 2025

premiado galardón arenteira

CULTURA E INVESTIGACIÓN

Novocine de Leiro

CINE

Empresa dedicada á exhibición e difusión de cine que conta cunha fonda tradición e aprecio nas comarcas do Ribieiro e O Carballiño. O seu propietario e promotor, Enesto Romero, funda este emblema cinematográfico nos anos 80, anos nos que a industria de proxección está en franca crise en todo Europa e vive peches masivos das salas. El, teima no seu afán por mantelo vivo e non só o consegue senón que convértese en pioneiro no cine dixital e 3D na provincia de Ourense e un dos primeiros en Galicia. O seu amor por esta arte lévao incluso a hipotecarse ó límite por lograr este soño e poder mantelo vivo nunhas comarcas nas que chegaron, nun tempo, a funcionar media ducia de salas de proxección. Dende o seu inicio mantén prezos populares e cine de estrea. Crea, ó tempo, un pequeno pero ilustrativo Museo do audiovisual dentro da propia sala sendo esta a única con programación estable que se mantén na actualidade dentro das dúas comarcas.

premiado galardón arenteira

DEPORTES

Escola Madokan

CLUB DEPORTIVO

É este un equipo e escola nacidos ó abeiro do Ximnasio do mesmo nome situado na vila do Carballiño. O seu propietario e director, Claudio Mateo, vén desenvolvendo un importante proxecto no papel formativo e competitivo dende hai máis de 40 anos, cunha intensa actividade formativa con cativos baseada na disciplina, o esforzo e o compañeirismo na que é un referente a nivel galego, pasando polas súas instalacións e ensino impartido, deportistas situados na elite competitiva ademais doutras moitas persoas xa en idade fóra da esforzada competición do hapkido, kick boxing e outros artes marciais, dando como froito a consecución de diversos campionatos e premios individuais e colectivos a nivel galego e español.

premiado galardón arenteira

TÍTULO PÓSTUMO

Antonio Rey Cornide

MÚSICO

Home cunha vida entregada á música reflectida na súa longa traxectoria vencellada co mundo da cultura musical carballiñesa e galega e co fomento da mesma, lugar a onde chegou hai máis de catro décadas, sendo un valioso axente activo como integrante da Coral do Casino e Presidente da mesma. Foi tamén Presidente da Federación Coral de Galicia, membro do grupo de teatro Tiruleque do Carballiño, fundador e director do Coro de Cámara Música Viva, do Carballiño e membro da Coral Polifónica de Agolada (Pontevedra). Nun solemne acto celebrado na Coruña, foille imposta pola Real Academia Galega de Belas Artes “Nosa Señora do Rosario”, a insignia de prata “Marcial del Adalid” pola súa constancia no eido musical. Malia á súa enfermidade, seguiu activo ata que a súa xa decaída saúde llo permitiu. Valedor do papel das tradicionais corais dentro do espectro cultural galego, Antonio Rey, reivindicou sempre ese rol e a necesidade de potenciar aínda máis esa importancia.

premiado galardón arenteira

SUPERACIÓN

Icía Nogueira Crespo

ESTUDIANTE

Este galardón, o de máis recente creación, foi concibido pra premiar a aqueles alumnos e alumnas da ESO, Ciclos formativos da Formación profesional e Bacharelato que, ademais da súa actividade como alumnos dos diversos centros educativos das comarcas do Ribeiro e do Carballiño, sofren atrancos na vida cotiá que impídenlle o desenvolvemento normal das súas vidas e das dos seus achegados. Tomando en consideración a situación persoal desta alumna e sendo sabedores do sobre esforzo de superación persoal que lle supoñen na súa vida diaria os seus condicionantes físicos, recibirá este dito Galardón Icía Nogueira Crespo, alumna de 2º da ESO no IES nº 1 do Carballiño que, coa súa situación médica e funcional, con infinitas limitacións, convértese nun punto de partida desde o cal ela mesma, coa axuda da súa familia e do equipo educativo, constrúe día a día unha historia de vida marcada pola ilusión, a valentía e o compromiso coa aprendizaxe sempre cun sorriso.